O proxecto Deseñando o teu futuro na Costa da Morte proporcionará ás persoas de 14 a 18 anos dos concellos de Camariñas, Mazaricos, Muxía e Vimianzo un conxunto de actuacións programadas que aproximará a realidade socio-laboral e empresarial do contorno a estes mozos e mozas facilitando unha experiencia que lle permita decidir a súa traxectoria formativa profesional e faga máis doada a transición entre escola e traballo.
Neste proxecto a alianza entre contorno familiar, escolar, empresarial e administrativo dos territorios conformarán a oferta de visitas-estadías en empresas de diferentes sectores económicos onde as persoas participantes adquiriran coñecementos e habilidades que axuden a complementar o seu desenvolvemento persoal e a súa formación. Ademais de promover o coñecemento das potencialidades endóxenas do territorio, xacementos de empregos, boas prácticas empresariais e recursos dispoñibles para o emprego e emprendemento na Costa da Morte. Impulsará a relación e integración da mocidade na vida económica empresarial dos seus propios territorios e o arraigo destas novas xeracións que poden frear o despoboamento das zonas rurais galegas e polo tanto garantir o futuro destes territorios
Finalidade
Apoiar o proceso de orientación vocacional e profesional da mocidade entre 14 e 18 anos dos concellos participantes no proxecto conectando a dimensión social, persoal/familiar e a dimensión territorial promovendo unha transición escola-traballo con arraigo nas actividades económicas, nos xacementos de emprego e emprendemento dos concellos de Camariñas, Mazaricos, Muxía e Vimianzo
Obxectivo xeral
Realización de estadías-visitas non remuneradas en empresas da Costa da Morte e Galicia para adquirir competencias, habilidades e cualificacións que complementen o desenvolvemento persoal e a formación dos mozos e mozas entre 14 e 18 anos dos concellos de Camariñas, Mazaricos, Muxía e Vimianzo.
Obxectivos específicos
Relacionados cos axentes participantes no proxecto: mocidade, centros escolares, familias, tecido empresarial e administracións promotoras do proxecto
Mocidade
- Coñecer a realidade das empresas do territorio á mocidade mediante visitas-estadías de 30 mozos/as dos concellos de Camariñas, Mazaricos, Muxía e Vimianzo.
- Comprender o mundo do traballo: promover actitudes, hábitos e coñecer as normas do contorno laboral
- Aprender a comunicarse, adaptarse aos cambios e manexar informacións relacionadas coa práctica laboral e empresarial
- Coñecer os recursos para o emprego e o emprendemento
- Mellorar as habilidades e empregar ferramentas que faciliten a súa futura inserción laboral e os procesos de decisións vocacionais, laborais e formativos
- Ampliar os contactos persoais con empresas e o eido socioeconómico do seu contorna.
- Participación activa no proxecto: proceso de preparación, experiencia e avaliación da súa estadía-visita.
Centros Escolares
- Promover a conexión entre escola e traballo ao través da participación dos centros e servizos de orientación na planificación, execución e seguimento dos participantes.
- Facilitar a practica e aplicación das actitudes, aptitude, coñecementos, habilidades e destrezas adquiridas nos procesos de aprendizaxe realizados polos educandos nos ciclos formativos do centro
- Ampliar os contactos co tecido empresarial e servizos administrativos dacontorna do centro escolar cara a programas de prácticas non laborais e outros programas previstos polo centro escolar.
- Fornecer os procesos de orientación formativa e profesional dos educandos participantes no proxecto
- Promover o espírito emprendedor e cooperativo nos itinerarios formativos do centro
Familia
- Participar ao través das ANPAS na planificación, execución e avaliación dos fillos e fillas participantes no proxecto
- Apoiar o proceso de decisión vocacional, formativo e laboral dos seus fillos e fillas
- Mellorar a integración socio-laboral e expectativas de empregabilidade dos seus fillos e fillas.
Empresas
- Mostrar as boas prácticas da súa empresa. Promoción empresarial
- Captar posibles talentos potenciais e futuros traballadores na mocidade do territorio
- Promover o relevo xeracional nas minipemes
- Practicar a responsabilidade social empresarial e compromiso co futuro do territorio
Administración
- Promover o emprego e o emprendemento
- Divulgar os recursos e ferramentas dispoñibles para o emprego e emprendemento no territorio
- Amosar as oportunidades do territorio ao relevo xeracional para afianzar a poboación moza no futuro do concello.
- Facilitar a colaboración interinstitucional e público-privada cara a un desenvolvemento harmónico, intelixente e sostible do territorio.Mellorar e apoiar os procesos de decisión vocacional e formativa da mocidade.
- Fomentar o acceso á orientación e a información da mocidade